28/10/12

Con le mie mani tra le gambe diventerai più grande

Gardo entre as pernas toda a tristura do mundo. Viro pequeniña sen a túa pel e aquela pequena morte que me voltaba a vida empúrrame agora a un escuro purgatorio de ollares que non agardan por min.

Soa nesta mesta néboa de momentos fuxidíos, aférrome a unha aperta que xa nunca será e durmo espida nos brazos que non me rodean. E nos meus soños creo o futuro que nunca foi.

23/10/12

Levo toda a vida loitando por conciliar mundos aos que non pertenzo, camiñando no fío da navalla e sen rede, e cada paso é unha nova caída nun abismo diferente. Non son de ningures. Non son de ninguén. Eu son a miña única patria, e a miña sombra a única compaña que nunca me ha faltar. O resto é fume. Fume de pipa, saudade, noite, silenzo, frío.

17/9/12

Era de xustiza poética voltar neste día ás mesmas rúas nas que un día comezou unha historia gravada a lume nunha moeda dunha soa cara. Voltar sabedora do remate. Voltar sen bágoas e cun sorriso. Voltar en paz.

E durmir por vez primeira cun sorriso nos beizos. Sen agardar absolutamente nada.

5/9/12

Sen escollas non hai dúbidas. Agora teño liberdade para seguir o único camiño ao que sempre pertencín. Liberdade para sorrir, para atopar unha razón pola que levantarme da cama polas mañás. Un único camiño que me leve ao meu destino.

Só resta unha materia pendente para voar lonxe do pasado. Pero con esa ninguén me vai axudar.

4/9/12

As horas corren máis lentas do debido, e neste cuarto vai moita calor. Deitada na cama arrólame a tristura que vén de atrás e o medo ao que está por vir. Ou quizais a tristura que virá e o medo presente. Queda cada vez menos tempo, pero non avanza. Estira e encolle coma se fora chicle. Xoga a agacharse tralas portas e saltar ao meu paso. E eu ás veces quero correr cara adiante, e ás veces quero voltar atrás, pero non me movo. Permanezo inmóbil deitada na cama, vendo correr as horas cara un destino incerto.