30/7/11

Ollando as páxinas dun vello blogue pechado hai tempo, atopei algo que escribín nunha época moi diferente. Hoxe xa non me podo recoñecer naquelas liñas, e ben entrado o verán aínda non puxen esas sandalias. Aí queda, pola nena que un día fun:


Chegou o verán. Si, xa é oficial.

Onte puxen as miñas sandalias laranxa. Doroty tiña uns zapatos vermellos. A Cenicienta uns de cristal. Eu, teño as miñas sandalias laranxa.

Son o meu talismán. Fanme sentir mellor. Máis alta, máis elegante, cómoda. Mellor conmigo mesma. Danme confianza.

Con elas bailei, bailei moito, subín a tarimas, a coches de choque e corrín polo castro de Baroña co primeiro raio de sol dalgunha primavera pasada.
Con elas déronme o bico máis doce que lembro.
Levabaas cando me perdin entre as "bambalinas" do escenario da Philadelphia ás sete da mañá o día anterior ao final de Lingüística.
Tamén naquelas noites de columpios e utopías do Son
Tamén as levaba o día que comezamos a montar Cabanas, e cheguei ao ensaio tres cuartos de hora tarde e en minifalda, alá por algún pasado mes de setembro

Son parte do vran. Pode que non me leven por un camiño de baldosas amarelas, nin me atopen un príncipe azul, pero é que eses están reservados para as princesas. Confórmome con que o show continúe, como diría Freddy Mercury...

23/7/11

Hoxe namoreime. Coñecín a un rapaz do montón, nin moi alto nin moi baixo, nin moi guapo nin moi feo. Non cheguei a saber nada dos seus gustos, nin a coñecer aos seus amigos, nin siquera sei se tiña can ou gato ou era de ciencias ou letras. Pero tiña algo que me facía sorrir, e a súa maneira de mirarme facíame sentir viva. Por uns intres volvín sentir esa forza que che recorre as veas ata concentrarse nas túas fazulas cando alguén te mira así. Logo espertei.

Unha vez lin nalgures que nos soños só aparecen persoas que viches algunha vez, que o subconsciente non é quen de crear xente que nunca existiu. Quen sabe? Igual hai sorte!

7/7/11

Non adoito vir demasiado por aquí. Unha vez escoitei dicir que o primeiro poema non o escribimos cando nos namoramos, senón cando nos deixan, porque mentres somos felices non nos importa máis que disfrutalo. Quizais por iso cando paro a ler as pegadas que deixei atrás penso que tanta tristura non debe ver a luz.

Está ben así. Soa no meu cuarto ante unha pantalla, sen ninguén ao outro lado que o lea. Quizais algún día teña valor para amosarme espida ante vós, pero non será hoxe. Agardarei tempos mellores, e seguirei saíndo á rúa sorrinte para non ter que responder nunca máis a preguntas difíciles para aqueles que preferimos regalar un sorriso a explicar a causa da nosa tristura.

4/7/11

Hoxe só me queda xogar a montar un complexo puzzle con anacos dun castelo no ar que a realidade derrubou. Arredor, espalladas pezas de todo o que un día soñei ou amei e hoxe é tan só cinsa de soños. Pode ser que o resultado deste quebracabezas se asemelle a unha sorte de Frankenstein nado da enferma imaxinación dun xenio tolo, pero ninguén dixo que fora fácil seguir os nosos desexos.