30/05/2012

Cando era nena tiña unha desas antoloxías de contos que co paso dos anos vas atopando repartidos entre as grandes obras da literatura universal. Había unha historia moi pequena que nunca volvín atopar fóra daquel libro. Falaba dun gorrión namorado dunha rosa. Cando lle lembran que coa primeira xeada ela morrería, négase a aceptalo. Coa chegada da temida primeira xeada, apértase contra ela para protexela co seu calor. Pola mañá a rosa sigue vermella. Durante a noite unha espiña atravesou o corazón do pequeno gorrión que co seu sangue lle volta a cor a aqueles pétalos que tanto amara.

Foi a primeira vez que unha historia de amor me fixo chorar. Era moi nena, non alcanzaba a comprender que o amor puidera doer, e aquela noite chorei ata quedar durmida.

Non pretendo sacar profundas conclusións do conto dende a miña perspectiva adulta. Hoxe non.

Hoxe un gorrión chocou contra o meu coche cando me dirixía á facultade. O seu corpo aínda estaba quente cando desenredei a aliña que coa forza do golpe quedara enganchada no limpiaparabrisas. Non pesaba nada. E por un intre lembrei a aquel gorrión namorado dunha rosa...

08/05/2012

Chove contra o tempo.

Tempo de pedra, tempo xeado.

Tempo que voa e non pasa.

Roubáronme abril. Maio fica quedo.

A choiva molla bágoas que non agroman.

A humidade afoga no peito.

Disque vai sair o sol...

07/05/2012

Reordenar prioridades:

Cansei de ser boa. A bondade non leva a ningures.

 
Tempo de facer a guerra.

08/04/2012



Collo aire. O sal éncheme o peito, pégase á pel por dentro e por fóra.

Unha onda rompe detrás dos meus peitos que suben e baixan intentando absover o mar enteiro.

O bater da auga nas rochas fai calar todo pensamento, a brisa seca as bágoas antes de que agromen.

Detéñome a observar os pulsos. As veas latexan con forza trala branca pel. Son azuis, coma o mar. Veas de salitre. Sintoo na gorxa, dentro do peito, na pel. Son de mar, estatua de sal.

Abro os ollos e a luz dourada bate con forza no fondo das pupilas.

Esvaro pola rocha como auga.


Desfágome na area.



05/04/2012

Torsionaron las cosas más o menos hasta donde habían estado, porque lo que se habían dicho no era ninguna novedad. Nada terminado, nada iniciado, nada resuelto.

Annie Proulx, Brokeback Mountain

02/04/2012


Son os meus pais. Hoxe fai 35 anos que casaron. Levan máis de corenta anos xuntos, e aínda pasean collidos da man.

E aínda que non llo diga demasiado, estou moi orgullosa de ser a súa filla.


28/03/2012

El teatro es poesía que se sale del libro para hacerse humana.
F. García Lorca

Nunca subín a un escenario. Descoñezo o poder das táboas, a calor dos focos e o vibrar do público. Non sei ser outra persoa máis que a que me tocou en sorte, e os únicos papeis que interpreto son os de filla, alumna e amiga.

Non sei actuar, mais o teatro é o refuxio onde vivir outra vida. A vida dunha descoñecida que senta cada semana nalgún patio de butacas da cidade cos ollos cravados no escenario, fascinada pola posibilidade de vivir unha historia allea durante un par de horas.

O teatro fai real o texto. Quizais por esas veas corra tinta e non sangue no tempo que dure a función. O texto vive e a persoa abandona o seu ser. A palabra latexa, vibra, racha coas normas que a atan ao papel.

Moita xente traballa cada día para facer posible ese acto de maxia. Eles son o teatro, máis fóra da función tamén corre sangue polas súas veas. Quizais a situación actual sexa insostible para moitos, quizais veñan tempos aínda máis escuros, quizais a loita aínda estea por comezar. Dende aquí, no Día Mundial do Teatro, somentes quixera facer chegar o apoio dunha humilde espectadora a cada profesional do teatro galego. Pode que os edificios sexan deles, pero o teatro sodes vós.