31/12/13

Quizais está sexa a última nota sen destinatario que saia de aquí. Quizais sexan as últimas palabras que nunca che direi. Quizais non deberan ver a luz. Quizais non o fagan.

Empezamos o ano con mal pé. Os dous escollemos o silencio e creamos mundos que non eran os de verdade. Foron moitas as palabras que seleccionei, ordenei e gardei para ti. Moitas as palabras que nunca dixen. E rematei por ofrecer as peores, o refugallo do medo contido.


Recoñezoo. Cando estás, o mundo xira un pouco máis rápido do que debera. Pero iso nunca foi o importante para min. Non espero que o comprendas. Non espero que ninguén que non estea dentro de esta miña cabeza o faga. O único importante sempre foi esa confianza que só ti sabías darme. Fixeches visible o invisible e sete vidas non abondan para agradecer cada milagre.

Recoñezoo. Cando estás, o mundo xira un pouco máis rápido do que debera. De boa gana lle daría unha patada a ese mundo se iso me garantira o único importante: un amigo. O resto non importa. Nunca importou. Non espero que o comprendas. Espero só que confíes en min.
Levo algún tempo agochada no faiado poñendo orde nos vellos caixóns, lambendo feridas e escorrentando este frío inverno. Non veño facer balances. Foi un ano malo e non preciso abrir vellas fendas para telo presente. Tampouco facer propósitos. Nunca os fixen e non vou comezar agora. Veño a lembrarme a min mesma que estou aquí, que un mal ano pasou e eu aínda respiro, que é máis do que moitos tiveron.

Tamén quero deixarlle unha nota a miña eu do 2014 para lembrarlle que ata o inferno pode xearse, que as bagoas afogan entre as ondas do mar e non hai ferida que non cure. As cicatrices son outra cousa. Lembra, gata estúpida, que houbo xente que che demostrou estar aí para ti. Por eles, estás obrigada a seguir respirando. Sei que estás cansa de loitar, que che roubaron os teus soños e hai tempo que esqueciches quen eras. Non importa. Eles sábeno.

Mañá é un día máis. Nada vai cambiar porque nos vistamos de festa. Tampouco eu, tampouco vós. Pero seguirei poñendo un pé diante do outro para poder contar que sigo aquí, seguirei sacando forzas para non defraudar a quen escolleu crer en min. Que non é pouco...