23/10/11

Dende había xa algunhas lúas a xente da vila vía aquela moza peiteando os mollados cabelos no cantíl cada alborada. Uns pensaron que era unha moura, outros dicían que era unha dona enfeitizada por un mal de amor, e non faltaron os que defenderon vehementemente que era unha serea. Cadaquén tiña a súa versión e non se falaba de outra cousa na feira e nas tabernas. Todos sabían dela, mais ninguén se atreveu a achegarse nunca.

Ninguén soubo o seu segredo. Ninguén foi capaz de imaxinar que tan só era unha moza que gostaba de camiñar pola praia pouco antes do mencer para ollar o xeito en que a lúa se durmía no berce das augas ao tempo que nacía o novo día. Ninguén o soubo nunca, e o lugar comezou a ser coñecido como Pena da Moura.

12/10/11

O frasco aínda está sobre o tocador, a xeito de pequeno oráculo no que algunha raíña xitana olla o que será. E a medida que se achega a fin da historia que comezou cun perfume, tamén o frasco vai quedando baleiro. Mais aínda non é tempo e esconxuro o maldito reloxo de area perfumándome para ti, e cada gota é unha lembranza, e cada lembranza é un sorriso.

Gardarei a última gota para poder ollarte eu tamén no fondo do frasco, atrapado na lembranza do arrecendo que só a ti pertenceu. E nunca voltarei poñer ese perfume sen os teus bicos latexando no meu pescozo.






8/10/11

Recomezos que son comezos. Atopando camiños perdidos no tempo. O horizonte non sempre é unha soa liña, ás veces hai máis. Todo volve ser, mais esta vez todo é diferente. Ou tal vez non. Tal vez tódolos horizontes converxan nun.

Balance positivo dunha semana de vellas novidades.

Unha certeza: os camiños con sendas retortas tamén levan a algures. Escollín ben.