28/12/11

Pode ser algo causa de dor e de ledicia a un tempo?

Tempo de contradicións.

18/12/11

Outravolta, palabras de non dicir e miradas de esguello,
bágoas das que non se confesan e sorrisos dos que minten.

É tarde. A lúa xirou e agora danos as costas.
Estas palabras non naceron nin para ser escritas.
Morrerán no silenzo e non quedará rastro delas.
Nin do que un día foi.

12/12/11

Alí onde quixera que fose, sentía os seus ollos espetados na caluga. O gato aparecera unha mañá de inverno rondando pola porta da casa e alí quedara. Era garimoso cos nenos, que o aloumiñaban ao calor da lareira, e tamén coa avoa que sorría con tenrura cando se lle arrecouchaba no colo por longas horas.

Dende que a súa muller morrera naquel triste accidente no río, non se volvera respirar tanta dozura naquela casa como a que traía aquel gato.

Pero a el non lle gustaba. Nin el ao gato. Nunca se lle achegara. Só o miraba fixamente dende lonxe. Sempre con frialdade dende aquela mirada de lume. Sempre con dureza. Sen piedade. Sen perdón. Era como se o soubera. Pero non, que tontería! Como podería? Era só un gato. Mais aqueles ollos...

Obsesionouse. Espertaba pola noite e alí estaba, na escuridade, como pérolas de lume que o fitaban, que o xulgaban. Un día. Outro. O medo. A obsesión. A culpa. Aqueles ollos...

Non o aturaba máis. Tiña que voltar alí. Pero xurara non voltar. Non fora culpa súa. Fora un accidente, si, un desafortunado accidente. El non quería que pasara. El non quería voltar alí. Mais os seus pés conducíano unha vez máis cara o río.

Sentía os ollos na caluga. Mirou atrás en innumerables ocasións, pero sabía que non estaba alí. Estaba na casa, no colo da avoa, onde senón? Sinteu unha vez máis aqueles ollos. Viu unha sombra. Unha pedra que se move, un esvarón, un desafortunado accidente...