3/6/11

Palabras que nunca direi

Esta probablemente sexa a entrada máis persoal que farei. E será a última na que fale de ti.

Mentres escribo estas liñas, probablemente tomes o sol nalgún recuncho dese sur polo que deveces. Ou quizais non. Xa non o sei. Xa non sei nada do que algunha vez pensei saber. Ou quixen crer.

Sei, iso si, que non fixen nada ben dende o comezo, que cometín demasiados erros. O máis grande de todos foi o que me xurei non chegar a cometer: namorarme de ti. Agora é tarde. Se puidera voltar atrás, probablemente sorriría máis e agocharíame menos, e viviría cada intre sabendo que é único.

Mais agora é tarde: ti cansaches de xogar con esta boneca rota e eu cansei de agardar todo aquilo que nunca será. Quixera dicirche todas esas palabras que quedaron por dicir nun só intre eterno, pero ti e máis eu sabemos que non dirían nada. Xa non importa. Quizais hai palabras que naceron para morrer sen ser pronunciadas. Quizais aquel solpor nunca importou e debe morrer coas palabras que nunca direi.