11/1/11

Soños

Esta noite soñei cun diminuto peixiño vermello que nadaba entre os xeos do meu gintonic. Para cando terminei a copa, o peixiño medrara e eu xa me encariñara con el. Agora vive nun acuario a carón da miña cama e xa non é un pequeno peixiño vermello, é toda unha sardiña!

5/1/11

Noite de Reis

Noite longa, fría e húmida fóra, quente e garimosa dentro. Milleiros de nenos estarán xa nas súas camas, loitando con Pedro O Chosco, agardando ilusionados o amencer. Escoito chover con forza, arrímome un pouco máis á cociña de ferro, e deixome levar pola memoria traizoeira que tantas veces nos quere arrincar nostálxicos sorrisos polos tempos que non voltarán. Esta noite quero ser a nena que nunca deixei de ser. Só esta noite, Noite de Reis.