28/5/13

Que cedo morren as ilusións que aínda non comezaran a alumear! Hoxe síntome máis atrapada ca nunca neste inmovilismo que me impide avanzar cara o que quero. Condenada a ser sempre unha nena pequena e incapaz, sempre dependente da vontade de outros. Quero berrar moi alto, e non teño palabras. Quero agocharme moi fondo e desaparecer paseniño. E non querer, non pretender, non agardar...

15/5/13

Plans, soños, futuro. Tantas ganas, e tan pouca seguridade.

Este podería ser o meu último ano nestes corredores de vidro. Teño que voar e aínda non amañei a plumaxe. Mais, voar cara onde? Quizais lonxe do fogar, dos proxectos, das ideas.

Hemisferio esquerdo: Ata aquí cumprín soños. Agora toca cumprir con obrigas.
Hemisferio dereito: "Déixame pasar un aniño na aldea. Teño que salvar a miña alma"

Amigo Otero, ti sempre tiñas resposta para todo. Na túa honra, ceibarei ese sorriso que sempre me trae a túa lembranza. Coma un brinde polo tempo que se foi.

10/5/13

Hoxe quixera lanzar unha pregunta ao vento: Que é para vós a amizade?

Sempre pensei sabelo, mais o paso do tempo fai difusas as fronteiras. Un amigo é quen está de cotío ao teu carón, ou quen che colle a man cando o precisas? Pódese separar o amor da amizade? A amizade pode ser un camiño dunha única dirección?

Quizais moitas preguntas nunca atopen resposta.
Quizais só importa a experiencia de cadaquén.

O dicionario insiste nos conceptos de afecto e confianza.
Outro día terei que probar a buscar amor...

9/5/13

A vós, que gostades de vender as vosas opinións como consellos:

Cheguei ata aquí soa. Cando caín, non estabades para erguerme.
Cando me erguín, non estabades para apoiarme.

Cheguei ata aquí soa. Para ben ou para mal, non estabades.

Cheguei ata aquí soa e iso fíxome forte, aínda que non o saibades.

Gostades de verme coma unha mequeira á que darlle leccións, porque vós si sabedes o que é a vida. Pero non estabades para verme caer.

A vós, que gostades de vender as vosas opinións como consellos, dígovos:

Non preciso da vosa condescendencia. Tampouco dos vosos favores.

Cheguei ata aquí soa, e cheguei.

Non preciso que me digades como vivir, porque tiven que aprender a vivir eu soa. E aprendín.

Non preciso que me protexades de ninguén, porque esta mequeira sabe cousas que vós non sabedes:

Sabe da man que se agocha na soedade. E non era a vosa.