25/8/12

Camiño no fino fío que separa o que foi do que está por ser. Pecho ciclos con sinaturas. Fágome maior e perdín o camiño de volta a Neverland. Só podo camiñar cara un futuro incerto, pero ante min o sendeiro sepárase e non sei cara onde coller. Quen manda máis? A cabeza ou as entrañas?

21/8/12

Se pecho os ollos, aínda podo sentir o corazón a bater moi forte no peito. Podo sentir a brisa, a humidade na pel e o arrecendo a salitre. Non lembro a túa cara, só o meu pé a escarabellar na area. Era todo o que me atrevía a mirar.

Lembro, iso si, as palabras que dixeches. Lembro que me tremían as pernas. E a camiseta que levabas. Lembro que mirei a hora e riches da foto que levaba naquel teléfono que xa non teño conmigo.

É todo o que quero lembrar. O momento en que puiden facer as cousas ben.

Agora é tarde para facelo. Só teño as lembranzas do que nunca foi, e non abondan para permanecer. Só me queda un adeus e o valor que non teño. O xenio voltou a lámpada e xa non me quedan desexos. De poder pedir aínda, pediría que me deras unha vez máis a forza que nunca tiven para facer o que debo. Esta vez prometo mirarte aos ollos.

17/8/12

Hoxe hai un ano que tomei unha decisión. Non sei se foi boa ou mala, pero foi das que che saen de dentro.

Hoxe sei que o destino xa decidira por min.

Hoxe quixera tan só voltar alí para ter o valor que nunca tiven. Hoxe sei que as decisións non valen nada e só importa o que estás a vivir. Pero hoxe é tarde.

O malo das leccións que che da a vida é que sempre chegan cando é tarde para aplicalas. Hoxe só podo brindar cunha bágoa polo solpor que non ha voltar.

11/8/12

Ese momento no que alguén di que es a muller máis fermosa que viu nunca e só podes sentir un pánico atroz. Ese mesmo é o momento no que asumes que algo está mal dentro de ti.

6/8/12

A vida é camiñar na delgada liña que separa o riso da bágoa e afrontar a desilusión de cada espranza.