28/3/12

El teatro es poesía que se sale del libro para hacerse humana.
F. García Lorca

Nunca subín a un escenario. Descoñezo o poder das táboas, a calor dos focos e o vibrar do público. Non sei ser outra persoa máis que a que me tocou en sorte, e os únicos papeis que interpreto son os de filla, alumna e amiga.

Non sei actuar, mais o teatro é o refuxio onde vivir outra vida. A vida dunha descoñecida que senta cada semana nalgún patio de butacas da cidade cos ollos cravados no escenario, fascinada pola posibilidade de vivir unha historia allea durante un par de horas.

O teatro fai real o texto. Quizais por esas veas corra tinta e non sangue no tempo que dure a función. O texto vive e a persoa abandona o seu ser. A palabra latexa, vibra, racha coas normas que a atan ao papel.

Moita xente traballa cada día para facer posible ese acto de maxia. Eles son o teatro, máis fóra da función tamén corre sangue polas súas veas. Quizais a situación actual sexa insostible para moitos, quizais veñan tempos aínda máis escuros, quizais a loita aínda estea por comezar. Dende aquí, no Día Mundial do Teatro, somentes quixera facer chegar o apoio dunha humilde espectadora a cada profesional do teatro galego. Pode que os edificios sexan deles, pero o teatro sodes vós.

11/3/12

Deixar a pel en cada nova alborada.

Ser forte. Nunca amosar fraqueza.

Cabeza erguida. Vista á fronte.

Mirar sempre alén do que tes diante dos ollos.

Que nunca trema a voz. Nota: non falar demasiado.

Sorrir sempre, aínda sen ganas.

Non pedir, non preguntar, manterse á marxe.

Volta á casa. Fóra tacóns, fóra maquillaxe.

Agora ninguén mira, xa non é preciso sorrir.

Ninguén mira. Tempo para as bágoas.

Non chorar en exceso, que non se note pola mañá.

Remate da xornada. Durmir e recomezar.


Published with Blogger-droid v2.0.4

3/3/12

La poesía es un arma cargada de futuro
[Gabriel Celaya]

Houbo un tempo en que a cultura era poder. A nós tocounos vivir o poder da ignorancia, da vosa ignorancia. A forza quere valer máis que a palabra, mais nós sabemos que unha idea non morre e por iso temos o verdadeiro poder. E unha vez que esa idea prende nunha mente, os vosos golpes non poden máis que alimentala. Vós sodes o noso sustento vital. O voso odio, a vosa ignorancia, alimenta o noso poder. Vós sodes os febles aínda que non o saibades, porque os ignorantes sempre cren saber o que en verdade non saben. A palabra é o xermolo da idea. A palabra é a nosa arma, e é unha arma poderosa. Pero vós non o sabedes. Por iso sodes febles. Por iso precisades dun casco que esconda a vosa debilidade.