23/9/11

Entre as follas caducas de outono, os teus bicos calor de verán
Noitébregos

E chegou. Finalmente, chegou. A dona das uvas maduras e as follas caducas. A dona das colleitas. Mab celebra a súa festa.

A luz comeza a durmir no berce da escuridade. É o eterno retornar. Máis cerca do final, máis cerca do comezo. Mais no mesto das brétemas, a raíña das fadas cabalgará sobre os nosos beizos facéndonos soñar cos bicos que o verán nos deixou.









20/9/11

O verán que non foi verán vai rematando, fuxidío e pesado a un tempo. Os días hai moito que deixaron de ser eternos, e cada posta de sol é un paso máis cara o inverno. No aire hai un recendo de uvas e humidade, e a calor parece loitar por non morrer. Soan os foguetes das últimas festas, e os nenos voltan á escola.

Está no aire. O outono achégase, con recendo de castañas e follas secas.

Un novo ciclo. Unha nova vida.

19/9/11

Un mundo que segue a quebrar e, cachiño a cachiño, leva un pouco máis de min.
Un pouco máis soa. Un pouco máis triste e pequeniña.
Xa non quero comer o mundo, iso é unha tontería, só intento que non me coma el a min. Mais non o consigo, e sigo caendo, caendo, caendo...

Houbo un tempo que unha aperta podería salvar calquera dificultade. Hoxe non podería nin secar as bágoas que me afogan.

Só me queda o sorriso da lembranza, pero ata el chama polo pranto agora.

Quizais o fondo aínda estaba un pouco máis abaixo e eu non o sabía.






13/9/11

Ti, o lume cotiá que ferve no ventre.
Latexas entre as miñas pernas,
a túa respiración, axitada e húmida no meu pescozo.
Lévote na pel, aínda que non estás.

Eu, liñas difusas en ti.
Esvaro pola lembranza e permanezo expectante.
Virás. Eu sei que virás.

2/9/11


Durante toda a miña vida, a ventá da miña habitación mirou cara o monte. Dende nena vin como esas árbores me resgardaban do vento e do sol. En menos dunha semana roubáronmo. Agora están cortando os últimos carballos. Esta noite os xigantes que me arrolaban xa non estarán, e eu estarei un pouco máis soa...