10/11/11

Á miña máquina de escribir estropeóuselle o eu lírico.
Tecleo mentiras que son verdades. Personalizo demasiado.
Pérdome entre a calor dun raro outono
e as frías bágoas desta choiva que vai a máis.
Pérdome na loita de pupilas que muda en ollos de perfil
tan rápido que non alcanzo a comprender.
Entre o vapor que baixo as estrelas oculta a pel contra a pel,
entre as burbullas que calan os suspiros, os roces, os bicos.
Pérdome na lembranza para non atopar respostas,
e nas longas noites sen durmir á procura dunha estrela que me guíe.
Pérdome para non atoparme máis, nalgures, entre o eu lírico e eu mesma,
que xogan ás agachadas entre as vellas teclas desta máquina estragada.

6/11/11

Raiba que chama pola decepción. Ou quizais ao revés.
Vestir cada mañá un sorriso como muro de contención.
E sair á rúa, e finxir que nada importa.
E chorar ás escondidas.

1/11/11

É a noite en que o veo racha e os devanceiros camiñan entre nós. Noite de mortos que non temen aos vivos.

As velas escintilan xa nas capeliñas dos cemiterios e as flores dos mortos agardan o seu día de romería.

Fóra vai frío, e a noite é un pouco máis escura e neboenta do habitual. Mais en cada lar os avós dos nosos avós sentan a carón do lume e xogan a facer estourar as castañas e rebulir as muxicas para facer notar a súa presenza.

Noite suspendida no tempo que deixou de existir. Algún día nós cruzaremos o veo rachado para visitar aos nosos descendentes, e seguirá a ser a mesma noite que antano quedou xeada no tempo, coma un punto fixo condenado a repetirse eternamente.


Noite na que lembrar aquilo de...

Na noite da derradeira novena de difuntos a eirexa estaba inzada de medos.

En cada vela escentilaba unha ánima e as ánimas que non cabían nas velas acesas acochábanse nos currunchos sombrizos e dende alí fitaban os rapaces e facíanlles carantoñas.

Cada luz que o sancristán mataba era unha ánima acesa que se desfacía en fíos de fume e todos sentíamo-lo bafo das ánimas en cada vela que morría.

Dende entón o cheiro da cera traime a lembranza dos medos daquela noite.

[...]