20/8/13

O tempo é un engano que voa e se estanca nas nosas mans. Pasaron anos xa, mais aquela raiola de sol coa que nos quentamos aínda está na miña pel, gravada a lume. A imaxe daquel primeiro bico reflectida no xeo azul das augas treme axitado polas ondas como aquel día tremía eu. Non hai reloxos que miren cara atrás, e aquel intre compartido por dous morrerá na lembranza dun só. Pero vivirá para sempre nas pegadas que os nosos pés deixaron na area daquel luscofusco.

16/8/13

Tempo cálido e fuxidío no que as horas parecen non discorrer.

Tempo pesado de pálpebras en loito, de aire mesto, de luz eléctrica.

Tempo de nostalxia de sal, de pel, de apertas.

Tempo de tormenta. Tempo no que quero e non quero estar.

Tempo de agosto, que tanto me deches e tanto me levaches.

8/8/13

Prometinme ser forte. E estoume esforzando en cumplir con cada promesa. Pero algúns días, a vida doe un pouco máis e todo vira escuro. Hoxe é un deses días nos que quero correr a acurrucarme nese recuncho onde remata o mundo e fas que agrome unha raiola de luz. Hoxe máis que nunca preciso do teu abrazo e tampouco hoxe chegará. E xa non quero ser forte.
Hoxe voltei á impotencia da palabra tardía, da defensa xa inútil. Agora só me queda a vergoña da humillación á que non souben responder. Deixei que me trataran como a unha estúpida sen criterio, que insultaran a quen lle debo o ceo, e non fun capaz de dicir nada. E agora só quero chorar e esconderme moi lonxe deste mundo que non deixa de ferir. Agora só quero que o silenzo deixe de afogarme.