31/12/13

Levo algún tempo agochada no faiado poñendo orde nos vellos caixóns, lambendo feridas e escorrentando este frío inverno. Non veño facer balances. Foi un ano malo e non preciso abrir vellas fendas para telo presente. Tampouco facer propósitos. Nunca os fixen e non vou comezar agora. Veño a lembrarme a min mesma que estou aquí, que un mal ano pasou e eu aínda respiro, que é máis do que moitos tiveron.

Tamén quero deixarlle unha nota a miña eu do 2014 para lembrarlle que ata o inferno pode xearse, que as bagoas afogan entre as ondas do mar e non hai ferida que non cure. As cicatrices son outra cousa. Lembra, gata estúpida, que houbo xente que che demostrou estar aí para ti. Por eles, estás obrigada a seguir respirando. Sei que estás cansa de loitar, que che roubaron os teus soños e hai tempo que esqueciches quen eras. Non importa. Eles sábeno.

Mañá é un día máis. Nada vai cambiar porque nos vistamos de festa. Tampouco eu, tampouco vós. Pero seguirei poñendo un pé diante do outro para poder contar que sigo aquí, seguirei sacando forzas para non defraudar a quen escolleu crer en min. Que non é pouco...

1 comentario:

  1. Pois non podo pasar sen comentar isto, xa que o tempo abre e fecha feridas nun devir constante e imparabel, non loites só pola xente que está ou que se foi, loita por ti mesma. É duro ter que carrexar con tantas vivencis e experiencias, mais cando menos o esperes a vida darache un regalo inesperado, un recuncho de placer e de descanso que fará que valese a pena que chorases tanto e a ledicia encherá o valeiro da desazón e o furado dos malos anos, só escoita ao corazón e segue a vida.

    ResponderEliminar

Miáñame!