24/10/13

Chegaches un trinta de outubro, pequeniña e negra coma unha perla de acibeche. De tódolos teus irmáns, ti roubaches unha parte da nosa alma e xa nunca marchaches do noso carón. Tan pequeniña, tan bonita, eras a envidia de todo aquel que te vía. Pero o que ninguén máis sabía é canto amor tiñas para nós, canta alegría neses olliños que xa hai moito que deixaran de vernos, nese rabo que nunca deixaba de moverse, nesa lingua que non tiña cabida na túa pequena boca.

Xa non pelearás máis cos teus irmáns máis vellos polo mellor sitio na cama, nin buscarás incansable a nosa perna para reclamar o teu mimo do día. Xa non teremos os teus bicos, nin a túa barriguiña ao sol esperando unha caricia.

Sempre serás a máis pequeniña, a máis doce, a alegría dos nosos días. Porque non importa o grises que foran, ti sempre me facías sorrir. E agora que non estás, non hai bágoas abondo para despedirte.

Chegaches un trinta de outubro, e marchaches hai unhas horas. Os anos que nos deixaches foron un regalo que nunca poderemos pagar. Só agardo que souberas o querida que fuches e sempre serás. Só agardo que, esteas onde esteas, saibas que non te deixaremos soa: sempre estarás connosco.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Miáñame!