28/3/12

El teatro es poesía que se sale del libro para hacerse humana.
F. García Lorca

Nunca subín a un escenario. Descoñezo o poder das táboas, a calor dos focos e o vibrar do público. Non sei ser outra persoa máis que a que me tocou en sorte, e os únicos papeis que interpreto son os de filla, alumna e amiga.

Non sei actuar, mais o teatro é o refuxio onde vivir outra vida. A vida dunha descoñecida que senta cada semana nalgún patio de butacas da cidade cos ollos cravados no escenario, fascinada pola posibilidade de vivir unha historia allea durante un par de horas.

O teatro fai real o texto. Quizais por esas veas corra tinta e non sangue no tempo que dure a función. O texto vive e a persoa abandona o seu ser. A palabra latexa, vibra, racha coas normas que a atan ao papel.

Moita xente traballa cada día para facer posible ese acto de maxia. Eles son o teatro, máis fóra da función tamén corre sangue polas súas veas. Quizais a situación actual sexa insostible para moitos, quizais veñan tempos aínda máis escuros, quizais a loita aínda estea por comezar. Dende aquí, no Día Mundial do Teatro, somentes quixera facer chegar o apoio dunha humilde espectadora a cada profesional do teatro galego. Pode que os edificios sexan deles, pero o teatro sodes vós.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Miáñame!