14/12/10

Ola.

Esta que aquí intuídes son eu. Unha rapaza máis, como tantas outras. Nada especial. Vintepoucos anos, case licenciada nunha desas utópicas carreiras de letras que un só fai por vocación, e cun futuro tan incerto como tantas outras.

Vivo preto da pequena capital deste pequeno recanto que a historia dou en chamar Galiza. Son e toda a vida serei unha nena de terra e herba que sempre rexeitou o asfalto da cidade, mais esta cidade de pedra e auga sabe ben como facerse querer, e cada rúa é unha espiña na lembranza.

Gosto do mar, do arrecendo a salitre amarrándose a cada poro da pel, da area esvarando entre os dedos e as ondas susurrando palabras que só os faros entenden. Tamén gosto das postas de sol, da pedra que vibra coa forza da terra, e de perderme polos retortos camiños desta terra que será pequena pero tan grande coma o mundo enteiro. E dos gatos, e dos lagartos, e dos corvos, do sándalo e do xazmín. E tamén de pasar tempo coa miña xente, e de acariñar aos meus cans. En definitiva, de todas esas pequenas e absurdas cousas que me fagan sorrir un pouquiño.

Esta que aquí intuídes son eu. Unha rapaza máis, como tantas outras. Nada especial. Unha gata máis mirando a vida dende o seu tellado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Miáñame!