28/7/12

A Berenguela olla cada paso que me leva ata os seus pés. Arrastro os tacóns ata sentar nas escaleiras. Son moitas as noites sen durmir e o corpo canso pide tregua, mais eu sei que a cabeza non vai colaborar. Reescribirei palabras, soñarei apertas e preguntarei sen agardar resposta. Logo sairei á rúa buscando uns ollos que foxen dos meus. E por máis que pregunte, ningún son sairá dos meus beizos e ningunha resposta chegará a min.

Un día crucei esta praza baixo o seu abrazo. Hoxe ninguén virá. E eu estou tan cansa...

12/7/12

O mundo está a xirar máis rápido do que debera. Todo cambia, todo cambia rápido de máis.

Teño medo dos cambios. Cambiei eu? Foi bo ese cambio? Medo da resposta, medo do cambio, medo de non saber plantarlle cara á nova realidade.

Todo vai rematando, as cousas que quería xa non están. Aférrome ás lembranzas dun tempo de felicidade que xa pasou. Teño medo de esquecelas e que se perdan para sempre. Tamén teño medo de lembralas e non aturar a dor da súa perda.

Demasiado rota para comezar a vivir de novo. Demasiado asustada. Demasiado soa.

Só resta agardar un novo xiro das rodas celestes...

10/6/12

Somos o sangue da terra: afunde os teus dedos na leira e sentirás o seu latexar.

Somos a auga que arrastra as lembranzas, que rompe na rocha, que lava o sangue da roupa dos vencidos.

- Eu serei novena onda. Quen vai ser bágoa de choiva nas rúas de Compostela?

Somos ferida, pegada fonda na area, retrato en branco e negro.

Somos palabra.

30/5/12

Cando era nena tiña unha desas antoloxías de contos que co paso dos anos vas atopando repartidos entre as grandes obras da literatura universal. Había unha historia moi pequena que nunca volvín atopar fóra daquel libro. Falaba dun gorrión namorado dunha rosa. Cando lle lembran que coa primeira xeada ela morrería, négase a aceptalo. Coa chegada da temida primeira xeada, apértase contra ela para protexela co seu calor. Pola mañá a rosa sigue vermella. Durante a noite unha espiña atravesou o corazón do pequeno gorrión que co seu sangue lle volta a cor a aqueles pétalos que tanto amara.

Foi a primeira vez que unha historia de amor me fixo chorar. Era moi nena, non alcanzaba a comprender que o amor puidera doer, e aquela noite chorei ata quedar durmida.

Non pretendo sacar profundas conclusións do conto dende a miña perspectiva adulta. Hoxe non.

Hoxe un gorrión chocou contra o meu coche cando me dirixía á facultade. O seu corpo aínda estaba quente cando desenredei a aliña que coa forza do golpe quedara enganchada no limpiaparabrisas. Non pesaba nada. E por un intre lembrei a aquel gorrión namorado dunha rosa...

8/5/12

Chove contra o tempo.

Tempo de pedra, tempo xeado.

Tempo que voa e non pasa.

Roubáronme abril. Maio fica quedo.

A choiva molla bágoas que non agroman.

A humidade afoga no peito.

Disque vai sair o sol...