18/4/13

Sentada no chan, aos pés da cama, a noite máis longa. 
Fronte ao espello, un adeus calado nos ollos.
Un adeus nunca pronunciado, un adeus que non chegará.
Lembranzas dun mañá que non virá, 

desexos dun pasado que nunca foi.
Fronte ao espello, a mirada fixa, a cabeza alta.
Fronte ao espello tódala tristura do mundo.
E non é abondo.

5/4/13

Somos almas de pedra e tebras. Fillas da noite. Fillas da lúa.
Rexeitamos a luz. Vivimos entre vós, na claridade. Mais dentro de nós reina a eterna escuridade. Temédesnos. É a vosa natureza. Non tendes motivo, mais temédesnos.


Temedes a escuridade, porque alí atópase aquilo que descoñecedes, alí agóchanse os vosos medos: os malos dos contos cos que durmides aos vosos fillos, aquilo que temedes na noite, o que vos fai cóxegas nas costas cando vos atopades sós no máis mesto da noite. Alí onde estamos nós.

Somos as vosas propias mentiras, a vosa conciencia envolvéndovos cando non hai luz na que agocharvos. Temédesnos porque non nos podedes controlar. Así sodes. Esa é a vosa razón de ser, de existir: controlar todo. Vivides posuídos polo medo ao descoñecido, só porque escapa ao voso control. Pasades pola vida temendo á morte, buscando a perfección, o coñecemento do que será. E non a vivides, porque só vivides o medo a que saia mal.

Somos fillas do luar. Somos ánimas milenanias. Levamos séculos nesta terra. Coñecémosvos ben. Perseguídesnos por medo, pero nunca vos fixemos dano. Atacades antes de mirar, e así evitades ver unha verdade demasiado dura. Unha verdade que temedes. E seguides pasando pola vida buscando a perfección, o coñecemento do que será. Pero non a verdade.


[c.2003/04]